A CIDADE DOS MOZOS ( BEMPOSTA)

A CIDADE DOS MOZOS. A lenda di que todo empezou no Ourense de 1956 co soño dun novo seminarista chamado Jesús César Silva Méndez. Corría polas rúas a lombos dunha Montesa vermella cando se cruzou cun grupo de quince rapaces que xogaban na Alameda. Grazas á moto e a súa hipnótica elocuencia captou a atención do grupo desde o primeiro momento. Propúxolles crear un mundo novo. Un oasis democrático, no medio daquel páramo franquista, onde os nenos poderían ser libres. Nese momento nin o propio cura, que aínda estaba a estudar en Comillas, cría moito o que dicía, pero a cuadrilla quedou namorada daquel Peter Pan con sotana. Ao día seguinte presentáronse diante da súa casa dispostos a traballar para facer realidade aquel mundo marabilloso. Era complicado imaxinar semellante repercusión internacional naqueles primeiros anos nos que sobrevivían vendendo periódicos e recollendo trapos e chatarra. Construíron as súas propias industrias, o seu propio banco, tiñan a súa moeda propia, centros educativos, igrexa, bar, supermercado e mesmo unha gasolineira. Todo rexentado por eles mesmos mediante un sistema asembleario e a supervisión do pai Silva (tiveron as primeiras eleccións democráticas, 22 anos antes que en España), Aquilo era un mundo dentro doutro mundo. Pero o feito grazas ao que alcanzaron a fama internacional foi a creación da Escola de Circo. Traballaron duro e debutaron en 1966 co seu propio espectáculo: o Circo dos Mozos. Convertéronse nun fenómeno similar ao posterior Circo do Sol dos nosos días. Todo aquilo era demasiado marciano para a Galicia daqueles anos. Empezaron a chegar á Cidade dos mozos, nenos asiáticos, suramericanos e africanos. Era un tempo en que Galicia aínda non estaba afeita aos inmigrantes. Paradoxalmente foi coa chegada da democracia e riqueza a España que empezou o declive da utopía revolucionaria de Benposta. Ao circo crecéronlle os ananos. Os mozos xa non eran tan mozos e marcháronse ao non ver en Benposta un lugar no que formar unha familia ou dar saída profesional ás súas inquietudes artísticas. Moi poucos se converteron nos revolucionarios anticapitalistas que soñaba o pai Silva.  A Cidade dos Mozos, que fundara en 1957 xunto a 15 rapaces e unha moto, non sobreviviu á súa morte en 2011. Benposta parece hoxe unha cidade pantasma.  Non volvera alí desde que a coñecera no ano 1972, ata agora, en que sentín unha profunda tristeza, ao ver o estado decadente en que se atopa.

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies