CONCERTO DE EUROPE EN ORDES (2011)
Nunca sabes o que podes atopar cando volves ver aos que foron os ídolos do rock de fai 20 ou 30 anos. Pero no caso de bandas como Europe as dúbidas despéxanse deseguido: equivócase quen deixou de escoitarlles despois do éxito do álbum ‘ The Final Countdown’. O seu potentísimo directo demóstrao.
Joey Tempest cortouse os rizos; vale. Tampouco ten xa, por suposto, a mesma cara de neno coa que conquistou o mundo enteiro naquel tempo do boom comercial do grupo. Pero segue movéndose igual polo escenario. E actuando co mesmo entusiasmo, a mesma enerxía -e as mesmas piruetas co micro de pé-.
A conexión co público foi inmediata no concerto que os suecos ofreceron no festival Brincadeira, en Ordes, (A Coruña).
Europe deron aos seus entregados seguidores -de todas as idades, moitos demasiado novos para ser uns nostálxicos dos 80-, moito máis que música daquela década.
Comezaron con ‘ Last Look at Eden’, o tema que dá título ao seu polo momento último disco, -do 2009-, pois xa anunciaron que en outubro comezarán a gravar o seu novo traballo. Pouco despois veu xa ‘ Supertitious’, o maior hit do álbum ‘ Out of this world’, (1988). Non hai por que negar, con todo, que os máis coreados foron os de ‘ The Final Countdown’, (1986): ademais do famosísimo homónimo, ‘Carrie’, ‘ Cherokee’ e ‘Rock the Night’.
A complicidade dos miles de persoas que abarrotaron o recinto do Brincadeira gañoulla Joey Tempest desde o primeiro momento, animando a todo o mundo a saltar, a cantar… En diversos momentos do concerto fixo fotos co seu móbil, e mesmo pediu prestada uns instantes a cámara que os estaba gravando. Dixo algunhas frases en castelán e en galego, o cal levantou aínda máis ardor -que gañou con fartura ao orballo que caía-.
Pero o cantante non se dedicou tampouco a acaparar a atención todo o intre. Houbo tempo para os sós de guitarra ou batería. Ian Haugland estaba de aniversario e Tempest encargouse de facerllo saber ao público, que cantou os correspondentes aniversarios felices. Foron frecuentes os cambios de instrumentos e Joey tocou a guitarra nalgúns temas.
Nas pouco menos de dúas horas que durou o espectáculo, Europe foi repasando distintas épocas da súa discografía. Do último álbum soaron, ademais da citada, outras cancións como ‘New Love in Town’ ou ‘Non Stone Unturned’. De ‘ Wings of Tomorrow’, do 84, ‘ Scream of Anger’. De ‘ Prisoners in Paradise’, de 1991, ‘ Seventh Sign’… Deste xeito púidose lembrar facilmente a evolución musical do grupo, xa menos partidario das teclas que en ‘ The Final Countdown’.
Pero hai cousas que non cambian. O negro -combinado cun toque de gris- do vestiario dos membros do grupo. O signo dos cornos tan propio do heavy que podía verse en moitas mans do público -xunto aos móbiles alzados cada dous por tres-. Ou a vestimenta de parte dos seguidores de Europe: a camiseta co nome da banda, os pantalóns axustados… Un paseo polo pobo antes do concerto deixaba ben claro de que ía a cousa.
Europe tivo que terminar para dar paso ao seguinte grupo: E fíxoo, como non, con ‘ The Final Countdown’.