O Mazo de Mazonovo, situado na aldea do mesmo nome nun dos vales de Santa Eulalia de Oscos, é un conxunto de Mazo hidráulico e taller de forxa que se remonta ao século XVIII.
Durante séculos estes aparellos hidráulicos aproveitaron a forza dos ríos para mover os seus mecanismos, que movían enormes e pesados martelos (114 kg neste caso; pero podían chegar aos 500 kg nas fraguas).
Estes permitiron transformar os tochos (lingotes de ferro) en láminas, e comezar a dar forma aos utensilios e obxectos que despois serían rematados manualmente, o que supuxo un gran aforro de tempo e esforzo nunha época na que todo se facía de forma artesá.
Coa industrialización do sector a finais do século XIX e comezos do XX comeza o declive da ferreiría tradicional no rural, que acompañaba o seu desenvolvemento dende tempos inmemoriais. Abandoáronse as fraguas e mazos, truncouse a transmisión do coñecemento e quedaban cada vez menos depositarios deste oficio, que dera forma e sentido a moitas comarcas como Oscos-Eo.
E aquí radica a singularidade e a importancia de Mazonovo: é un edificio que chegou ata nós nun excelente estado de conservación. É unha fiestra ao pasado que nos permite comprender un pouco mellor a forma de vida dos nosos devanceiros: un anaquiño das nosas raíces.
Tamén é un dos últimos mazos hidráulicos que seguen en activo en toda Europa, pois máis aló de estar aberto ao público e de servir de museo, é utilizado a diario polos ferreiros para elaborar as súas pezas. Este uso, unido ao mantemento diario que realizan, permite conservar e manter funcionando o edificio e a delicada maquinaria que alberga.