Despois da colleita do millo córtase a planta e agrúpase nos típicos palleiros en Outono.
Os palleiros reciben varios nomes dependendo do sitio de Galicia no que se esté. Así na Costa da Morte y nas Rías Baixas chámase así.
Neutros sitios chámanlle Pallote.
Un palleiro tamén é unha morea de palla, tamén chamado meda ou palleira. Tamén recibe o nome de palleira a estrutura, xeralmente un alpendre, destinada a gardar a herba enxoita e a leña para queimar, denominada neste caso tamén pallal, pallar, pallarega ou pallete. O palleiro é moi común na tradición agrícola galega que aínda hoxe constitúe un elemento de importancia xa non só agrícola senón tamén a modo de tradición cultural.
Adoita ter forma de cono, cun pau ergueito pousado no chan e a palla mallada disposta ao seu redor. O lugar habitual dunha palleira é a eira, malia que non calquera terreo pode ser acondicionado. Por culpa de evitar a choiva, moitas veces a palla é cuberta cun plástico protector que polo xeral é unha peza única de cor negra. Cínguese arredor da palla con cordeis, pedras que o asenten no chan ou outros trebellos similares.
O palleiro formaba parte da vida agrícola. En Galicia o can autóctono recibe o nome de can de palleiro porque adoitaba durmir nas construcións destinadas a gardar a palla. Ao fillo ilexítimo ou natural tamén se lle coñece coma fillo de palleiro. O refraneiro galego está cheo de frases con este termo:
- Non quedar can tras palleiro, en sentido metafórico dá a entender que nada se deixou esquecido, que se rexistrou e todo está comprobado polo miúdo.
- Pódeste ir p’rao palleiro, díselle ao cativo que leva un bo anaco de pan ou á persoa maior que comeu até fartar.
- Vaste p’rao palleiro?, díselle tamén á persoa que ao servirse a carne, escolle a que ten máis ósos por ser a que máis gosta.
- Palleiro sen palla non se fai, dise dunha persoa pouco curiosa no seu traballo, que o fai a eito. Tamén se di da persoa grosa que come demais a xeito de xustificación.
Outras frases:
- Cando se acende o palleiro, arde máis axiña o vello.
- De palleiro que se queima faíscas saen.
- Mete o ‘pidincheiro’ no teu palleiro, e faráseche o teu herdeiro.
- No palleiro, ben dorme o que anda ao ‘vintimperio’.
- No palleiro, non fagas lume nin co esqueiro.
- O palleiro vello arde máis axiña.
- O palleiro vello, cando se acende, malo é de apagar.
- O vello palleiro, cando se acende, arde todo enteiro.
- Pallas ao palleiro, galiñas ao galiñeiro.
- Pallas ao palleiro, vellas ao fiadeiro.
- Palleiro sen palla non se pode facer.
- Palleiro vello, logo se acende.
- Palleiro vello, logo se queima.
- Se metes ao ruín no teu palleiro, xa verás como queda de teu herdeiro.
- Ti enche o palleiro, de palla ou palloeiro.