RETRATO NA FIESTRA CUNHA BOTELLA

 

Fiestra, ventá e xanela

Coido que poucas linguas posúen tres sinónimos exactos para denominar o que o dicionario da RAG define como: “Abertura na parede para deixar entrar o aire e a luz, xeralmente cerrada con vidros”. Mais aínda que en esencia son perfeitamente permutábeis, sendo o seu uso unha mera escolla persoal, en verdade hai unhas sutís diferenzas por mor da súa orixe e implantación no galego.

Así, o primeiro que convén saber é cal é a palabra máis patrimonial das tres, e a resposta tras consultar o TMILG (Tesouro Medieval Informatizado da Lingua Galega) é rotunda: fiestra. A palabra latina para o concepto era “fenestra”, e dela descenden as tres variantes que documentamos na Idade Media: fenestra (s. XIII), a non evoluída, fĕestra/feestra (s. XIII), a máis rexistrada no seu século, e fiestra/fyestra (s. XIV e XV), a única documentada na Baixa Idade Media e a máis frecuente nos textos conservados. Pola contra, nin “janela” nin “ventana/ventã/ventaa” se documentan no galego antigo.

Tamén que a palabra latina usada para o concepto é a que máis descendentes, xaora, deixou nas linguas romances: fenestra (arcaísmo castelán), fenèstra (occitano), finestra (aragonés, catalán, italiano, corso), fenêtre (francés), fenèt (haitiano), fereastra (romanés), hièstra (gascón) etc.; e mesmo pasou ás linguas xermánicas: fenster (alemán), venster (neerlandés), fönster (sueco) ou fenester (arcaísmo inglés). O castelán “ventana”, derivado do lat. “ventus” e documentado xa dende a segunda metade do s. XIII, tamén pasou ao asturleonés, que ten como arcaísmos: “fenestra” e “finistra” e ao sardo “bentana”,  mercé ao período de dominio español na illa, amais de ao galego con modificación: “ventán” no galego occidental e “ventá” no central e oriental e mais estándar. Mentres que o portugués “janela”, derivado do lat. “januella”, só pasou ao galego, con adaptación fonética, “xanela”.

Para atopar os primeiros rexistros destas dúas últimas palabras, ventá e xanela, hai que consultar o TILG (Tesouro Informatizado da Lingua Galega), o equivalente ao TMILG pero para o período moderno (do s. XVII ata hoxe), aínda que moitísimo menos exhaustivo e por tanto menos rigoroso, que nos dá os seguintes resultados:

“Ventana“ documéntase en textos dende inicios do s. XIX ata a actualidade, xa basicamente en textos que representan a fala popular e dialectal. Sendo a palabra máis utilizada para o concepto ata a metade do s. XX. Mentres que “ventá“ e ”ventán”, esta sempre menos usada ca a súa variante central e oriental, aparecen a partir da década dos 80 do s. XIX e soamente “ventá” faise máis frecuente ca a forma castelá nos textos das dúas décadas finais do s. XX e do actual, é dicir, cando se converte en forma estándar; sendo o período de 1951 a 1980 o único en que hai certa igualdade de uso entre a forma castelá e a forma estándar. Con estes datos semella evidente que “ventá/ventán” é un castelanismo adaptado, o cal foi motivo abondo para que os escritores máis preocupados por unha maior enxebreza léxica procurasen unha palabra auténticamente galega, volvendo loxicamente a ollada cara á lingua medieval.

Desta maneira as tres variantes medievais reaparecen en textos modernos a partir da derradeira década do s. XIX, nos casos de “fiestra” e “fenestra”, e a partir do século seguinte, no caso de “feestra”. Con todo, “fenestra” vai ter un certo auxe na primeira metade do s. XX para logo ir decaendo inexorabelmente ata hoxe; e “feestra” nunca pasara dun uso mínimo por parte duns cantos escritores, Aurelio Ribalta ou Vicente Risco por exemplo, nas tres primeiras décadas do s. XX para despois desaparecer; mentres que “fiestra” vai ser a variante gañadora, como xa o fora na Idade Media, competindo favorabelmente en uso literario con “fenestra” e “ventana”, na primeira metade do s. XX, e acadando a supremacía despois ata a actualidade, onde xa só compite cos outros dous sinónimos recoñecidos como estándares. Como curiosidade convén saber que “fiestra” xa aparece nun texto de Martín Sarmiento de 1746, polo que é razoábel pensar que aínda fose palabra usada na altura.

O caso do lusismo “xanela” é diferente, pois trátase dun empréstimo de luxo, para substituír o castelanismo “ventana/ventá” ou o arcaísmo “fiestra/fenestra”. Incorpórase á nosa lingua literaria nos inicios do s. XX e vai seguir connosco ata agora, sendo a época actual o período en que ten maior uso, aínda que sempre por debaixo dos seus sinónimos “fiestra” e “ventá”.

Dado que o estándar acepta as tres palabras, non parece má opción a súa utilización, aínda que convén lembrar os matices que acompañan a cada sinónimo: “ventá” como forma popular, “fiestra” como forma culta e patrimonial e “xanela” como cultismo estrito. Aínda que quizais co tempo tamén mude a percepción que temos delas.

Publicado por L.C. Carballal do Blog: Debullando a fala.

DOMINGO, 1 DE ABRIL DE 2018

 

 

 

 

 

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies