O Museo de Camelle 3

Desde o verán do 1979, no que coñecín a Man e o seu Museo, mantivemos unha relación amizosa que me levóu a lle facer unha morea de visitas, que axudaron a afondar na nosa relación e no coñecemento da súa obra.

Teño xá publicado neste bloge as imaxes que incluín no Diaporama que montei sobre o Museo, aló polo ano 1981, en Sargadelos.

Desta volta amoso unha escolla doutras posteriores, froito desas visitas ao longo dos anos, até que Man partiu, levado pola mágoa, hai xá vintecatro anos.

 

 

 

 

PRESTIGE: 20 anos após

Hai vinte anos, neste mes de novembro, “os hilillos” do PRESTIGE, un megapetroleiro máis na longa lista dos naufragados na costa galega, agasallaba co seu refugallo ao mar e ás nosas vizosas costas.

Máis unha vez home a destruir a natureza que o sustenta, sen deprender nunca, teimando en seguir a ser “o idiota espabilado” dentre da fauna que bourea polo planeta. O mar, educadamente, ou non, torna á terra o que nós guindamos nel sen reparo. O piche do Prestige tinxíu a beiramar toda, Museo de Camelle incluído. Foi o início do fin: Man, abraiado e vencido, deixou-se morrer. A súa obra máis querida ía morrer canda el.

Na nosa memoria fican lembranzas saudosas do tempo partillado e imaxes inertes daquel tempo, atrapadas no arquivo fotográfico… Ogallá serviran para recuperar aquel espazo inimitable!

 

 

 

Museo de Camelle 2

No transcurso dunha viaxe en moto polas rías galegas, que fixen aló polo remoto 1979, coñecín a Manfred Gnäedinger, Man, o alemán de Camelle.

Tiven a boa sorte de ingresar na reducida confraría dos “visitantes” cos que partillaba o seu lar, o pequecho e curioso cabanucho a pé do mar da Costa da Morte.
Abraioume de tal xeito aquel espazo onírico, as irtas esculturas desafiando a bravura daquel mar, que axiña argallei a posibilidade de realizar un diaporama sobre o singular Museo. Cursaba eu daquela Belas Artes en Madrid así que, a maiores, pensei en apresentar tal diaporama como parte do meu traballo de licenciatura.

Volvín moitas veces máis a visitalo, a seguir documentando a súa obra e cultivando a nosa amizade. As imaxes que seguen, forman parte daquel primixénio diaporama que realicéi no Seminario de Estudios Cerámicos de Sargadelos, entre setembro e abril do 1980-81, grazas á equipa que amavelmente me cedera Xosé Díaz Arias.

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies