Penas Agudas, Xove (1980)- II

En agosto de 1980 achábame eu participando na IX Experiencia de Tecnoloxía e Escola Libre de Sargadelos (“Experiencia de Sargadelos”) en Cervo; nela coñecín, entre outra moita xente, a Ramón Fernández, un rapaz de Xove que, un bon día, propúxonos a varios compas achegármonos á Feira de gando de Penas Agudas, no lindeiro Concello de Xove… e aló fumos, Ramón, Kiki (dos “madriles”) e máis outra compañeira da que sinto non lembrar o nome.

Vai a segunda quenda das tomas que tirei naquel aproveitado día de agosto de hai só coarenta e seis anos.

Moitas destas instantáneas foron a base para realizar uns cantos deseños, e argallar unha mostra que, se no lembro mal, fixen no ano seguinte na sala da Caixa de Aforros, no Ferrol.

 

Tempo de Antroido

Pasáronse xá Domingo fareleiro e mais Domingo oleiro, camiñamos logo cara o Domingo de compadres: despreguiza a primavera, abrochan os cáncaros. Cáse que arrecende a Androlla, Botelo, Lacón, Cachucha, Caldo, Orellas e Filloas… Os Boteiros De Viana do Bolo brincan coa mouca e arremeten contra do visitante alleo. Velaí vai unha mostra do xentío que o Antroido convoca en tan arredías e fermosas paraxes.

Rapa das bestas de Candaoso, 1973.

Levaba eu pouco tempo coa miña primeira cámara fotográfica, a vella Asahi Pentax Spotmatic II, que aínda atesouro e que, no Nadal do 72, tiveran a ben agasallarenme os meus pais.

As imaxes que seguem foron das primeiras instantáneas que tirei, nunha saída fotográfica co meu irmán Xan, quen me “picara” o bicho da fotografía (como de tantas outras cousas)… Van xá aló a tira de anos, mas téñoas para mín entre as tomas mais aprezadas que levo feito.

A Rapa das bestas de Candaoso, nos montes do Buio, en Boimente, era unha desas tradicións, de recente recuperación, que sentiamos nos levaba á cerna da cultura do país, ao máis auténtico de noso.

Para máis información: https://www.turismo.gal/recurso/-/detalle/fi-lu-000008/a-rapa-das-bestas-de-candaoso?langId=gl_ES&ctre=261&tp=97

Vilariño de Conso. Antroido tradicional.

Vilariño de Conso celebra o Entroido ao xeito tradicional, como cáseque só se conserva nas terras ourensáns. O Boteiro é a persoaxe central, quen goberna o Fulión da parroquia, un grupo onde os participantes marcan o ritmo con bombos, gadañas e outros aparellos de labranza. Na fuliada satirízanse os temas de actualidad: política, relixión ou crítica social do acontecido ao longo do ano na parroquia, no Concello, no país ou no mundo. A fardamenta, as máscaras e as movementos da mascarada varían segundo a localidade de procedencia, mas todas destacan polo seu cromatismo e espectaculariedade.

O domingo Gordo realízase un gran desfile de fulións na vila capitalina e, no cantar, a Festa do Cabrito.

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies