L.I.C.S.A. e Museo Carlos Maside

Cando comecéi a traballar nas Cerámicas do Castro, o meu estudio ficaba empoleirado no cuarto andar, “Comunicación”, do edifício do LICSA (Laboratorio de Industria e Comunicación S.A.). Día tras día subía as escadas espirais e, dende o alto, albiscaba a planta de producción e mais o resto das instalacións.

A singular arquitectura sempre chamóu a miña atención, polo que teño feito moitas tomas, tanto dos espazos coma da paisaxe da contorna.

Vai unha pequena escolma (a mais salvable) daquelas vellas diapositivas dixitalizadas, que amosan a escada e algúns detalles do tellado do Museo Carlos Maside, construído acarón uns anos máis tarde.

Museo Galego de Arte Contemporánea Carlos Maside

O Museo Galego de Arte Contemporánea Carlos Maside fundóuse no 1970, como parte do proxecto do Laboratorio de Formas, produto á súa vez do reencontro de Isaac Díaz Pardo con Luis Seoane na Arxentina. O Museo amplióuse no 1971, mas é no 1986 cando se traslada á sua sede definitiva, no Complexo das Cerámicas do Castro, en Sada.

Se queredes aprofundar en detalles:

https://www.isaacdiazpardo.gal/gl/laboratorio-de-formas/museo-carlos-maside

https://museos.xunta.gal/gl/museos/museo-galego-arte-contemporanea-carlos-maside

As seguintes imaxes son parte das que fun tomando entre 1982, ano do início da construcción do novo edifício, asinado por Albalat (e “intervido” por Díaz Pardo), ate 1986, ano da sua inauguración, dende o edifício lindeiro do L.I.C.S.A. (Laboratorio de Industria e Comunicación, S.A.) onde eu tiña o estudo de Deseño.

Foron ideadas para enlazar, a modo de secuencia temporal, nun diaporama (os orixinais son diapositivas) que ficóu no cartafol dos proxectos adiados in aeternis…

Sobre a lamentable situación actual do Museo prefiro non entrar. Podedes encontrar novas abondo nas redes.

 

 

 

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies