FotoZen 4

Pousar a ollada ao chou, perceber o arredor.
Mente en branco:
Contemplar, descubrir, observar, deprender, disfrutar.
Fluir no tempo, fluir co tempo.
Levar canda un a bagaxe de sensación, o fardel das experiencias.
As imaxes na retina e nalgures do proceloso sarillo neuronal.
Tí es as tuas experiencias. Ti es as tuas lembranzas.

Vivir nas Nubes 1

Temos para nós que “vivir nas nubes” é ter o maxín aos biosbardos; enviso o caletre en matinacións e alleo ao mundanal ruído, co pensamento noutra galaxia… mas, tamén, neste País de noso, literalmente vivimos nas nubes, envoltos nelas, abretemados, embrullados nunha aperta invisível mas palpável na sua lentura, mesmo enchoupados cando os Nubeiros así o deciden!

Porque as nubes teñen querencia por esta terra e acobíllanse nela, arróupana, préndense garimosas na textura da súa orografía, até non quereren desprendérense dos montes, dos penedos, dos arboredos; teiman días e días en adurmiñar no seu colo e acougar preguiceiramente das súas intermináveis viaxes.

Nesta escolla de imaxes sorprendinas así, envolvendo o mundo, esbarando de vagar pola paisaxe e prendendose nos arboredos para ancorar e ficar a disfrutar deste Paradiso… que tanto teimamos en estragar.

 

FotoZEN I

Pousar a ollada ao chou; perceber, mente en branco, o arredor.

Contemplar. Descubrir. Observar. Deprender. Disfrutar.

Fluir no tempo. Fluir co tempo.

Levar canda un a bagaxe de sensacións, o fardel de experiencias;

as imaxes na retina.

Tí es as túas experiencias.

Es as túas lembranzas.

 

 

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies