Wikipedia:
Pertencente á Comarca Central, ten un réxime legal especial como capital de Aragón.[9] É o quinto municipio máis poboado de España, cunha poboación empadroada de 686 986 (cifras oficiais do padrón por municipios do INE), por detrás de Madrid, Barcelona, Valencia e Sevilla.
O seu nome actual, Zaragoza ([θa.ɾaˈɣ̞ou.θa]), procede do antigo topónimo romano, Caesaraugusta, que recibiu en honra ao emperador César Augusto no 14 a. C. A orixe da cidade remóntase a Salduie, que foi o nome da cidade ibérica sedetana situada no solar da actual Zaragoza desde a segunda metade do século III a. C. Está documentado en moedas ibéricas e co nome de «Salduvia» nun texto de Plinio o Vello. Coa fundación de Caesar Augusta, a cidade-estado íbera pasou a converterse en colonia inmune de cidadáns romanos. A súa denominación romana foi evolucionando, pasando quizá polo árabe Saraqusta.
