No ano 1983 dáse un xiro na estratexia cultural da Agrupación Cultural da Coruña Alexandre Bóveda: a súa directiva decide ampliar o campo de acción asociativo e pór en marcha diferentes “Talleres” orientados a desenvolver diferentes materias (monicreques, teatro, fotografía, serigrafía, etc.). En consecuencia, e unha vez acadada a mudanza a un novo local social, na rúa Eladio Rodríguez, co espazo necesario para a instalación do Grupo de monicreques Sapoconcho, laboratorio de fotografía, etc. Consolídase unha nova fase no devir da entidade.
No ano 1985, a partires dun curso de realización de diaporamas impartido por Carlos Silvar, fórmase o Colectivo de Creación audiovisual OLLO DE VIDRO.
A realización de diaporamas foi o seu inicial obxectivo, mais axiña, coa integración no colectivo do taller de fotografía (1991), emprendéronse unha ampla variedade de actividades: realización de montaxes audiovisuais, proxeccións de diaporamas en locais públicos da cidade, cursos e exposicións de fotografía, participación no Outono fotográfico de Ourense e no certame Diapogalicia, emprendementos editoriais, en colaboración coa editorial da Coruña Baía Edicións (edicións de Unidades didácticas con diapositivas sobre temas de natureza e arte), montaxes audiovisuais e cursos ad hoc para entidades diversas (AS-PG, Universidade Popular de Ortigueira, Federación de Asociacións Culturais Galegas, etc) e, quizais, a actividade estrela: os SAFARIS FOTOGRÁFICOS, xeiras realizadas por toda Galiza que, da man de monitores de fotografía e natureza (en colaboración con asociacións como ADEGA, Hábitat e Sociedade Galega de Historia Natural), achegaron o coñecemento da natureza, a etnografía, a historia galegas e as técnicas fotográficas, a centos de participantes ao longo de máis de dúas décadas.
O tempo foi amortecendo a actividade de colectivo, mais hoxe, parte dos primeiros integrantes do mesmo (Manolo Graña, Raúl Castro, Eduardo Castro, Carlos Silvar, Nicolás Serantes…), volven
insistir en reactivar a súa actividade, aínda que dun xeito anovado, consonte aos tempos: a traveso dun espazo web, que tentará medrar, perfilarse e consolidarse aos poucos.
OLLO DE VIDRO sempre foi un Colectivo aberto e segue a selo, así que calquera que desexe unirse nesta nova xeira, ten o espazo ao seu dispor e a man tendida para desenvolver nel a súa afección e as súas inquedanzas.
ONDE ESTAMOS?
Facebook
Tf. 981 200 869