Micropaisaxes. Paisaxes abióticas. Materia. Pedra. Forma, estrutura, modelado, relevo, textura, cor, liñas que contan do pasado do Mundo… para quen saiba leelas, para quen saiba soñalas.
Micropaisaxes, anacos da contorna atopados no areal, no rochedo, no esteiro. Composicións espontáneas que o acaso deita. Texturas, estórias, arumes que a cámara ignora, mas fican na memoria.
Xeralmente ao evocar a paisaxe pensamos en vexetación, auga, quizáis en grandes bosques, montañas e mares extensos… Raramente pensamos nas diminutas paisaxes da nosa contorna, esas que se amosan noutra escala: a selva formada polos musgos ou, coma neste caso, petrificadas, insinuada nas rochas. Micropaisaxes sorprendentes ás veces, suxerentes sempre.