Micropaisaxes, anacos da contorna atopados no areal, no rochedo, no esteiro. Composicións espontáneas que o acaso deita.
Texturas, estórias, arumes que a cámara ignora, mas fican na memoria.
Hai vinte anos, neste mes de novembro, “os hilillos” do PRESTIGE, un megapetroleiro máis na longa lista dos naufragados na costa galega, agasallaba co seu refugallo ao mar e ás nosas vizosas costas.
Máis unha vez home a destruir a natureza que o sustenta, sen deprender nunca, teimando en seguir a ser “o idiota espabilado” dentre da fauna que bourea polo planeta. O mar, educadamente, ou non, torna á terra o que nós guindamos nel sen reparo. O piche do Prestige tinxíu a beiramar toda, Museo de Camelle incluído. Foi o início do fin: Man, abraiado e vencido, deixou-se morrer. A súa obra máis querida ía morrer canda el.
Na nosa memoria fican lembranzas saudosas do tempo partillado e imaxes inertes daquel tempo, atrapadas no arquivo fotográfico… Ogallá serviran para recuperar aquel espazo inimitable!
Á minha chegada á Coruña, no ano 1981, o porto pesqueiro, daquela acessível, converteu-se no lugar favorito da cidade para fotografar: Os barcos da, daquela, importante flota pesqueira de altura, as embarcaciones de baixura da Dársena, os aparelhos e as xentes, a actividade na lonxa e mais na rindanga e, especialmente, a grave contaminación das augas do porto, que padecía dun absoluto abandono, mudaron no meu tema favorito. Aí escomecei a série “Luvas”, que se prolongou moito no tempo, e abranguéu ás crebas achadas nas praias ao longo do país.
Luvas mudaron nun símbolo da pegada do Home na natureza, (qué melhor que un trasunto da man humana). Vai logo unha mostra dela, reflexo do desleixo con que os “sapiens” tratamos a unha das nosas máis importantes fontes de recursos.