Penas Agudas, Xove (1980)- I

En agosto de 1980 achábame eu participando na IX Experiencia de Tecnoloxía e Escola Libre de Sargadelos (“Experiencia de Sargadelos”) en Cervo; nela coñecín, entre outra moita xente, a Ramón Fernández, un rapaz de Xove que, un bon día, propúxonos a varios compas achegármonos á Feira de gando de Penas Agudas, no lindeiro Concello de Xove… e aló fumos, Ramón, Kiki (dos “madriles”) e máis outra compañeira da que sinto non lembrar o nome.

As tomas que achego son unha primeira quenda das que tirei naquel aproveitado día de agosto de hai só coarenta e seis anos.

Moitas destas instantáneas foron a base para realizar uns cantos deseños, e argallar unha mostra que, se no lembro mal, fixen no ano seguinte na sala da Caixa de Aforros en Ferrol.

 

Tempo de Antroido

Pasáronse xá Domingo fareleiro e mais Domingo oleiro, camiñamos logo cara o Domingo de compadres: despreguiza a primavera, abrochan os cáncaros. Cáse que arrecende a Androlla, Botelo, Lacón, Cachucha, Caldo, Orellas e Filloas… Os Boteiros De Viana do Bolo brincan coa mouca e arremeten contra do visitante alleo. Velaí vai unha mostra do xentío que o Antroido convoca en tan arredías e fermosas paraxes.

FotOnírica

Flipando por cores nun vó astral foto-lisérxico.

Miraxe inducido por un trastorno transitorio manexando os controis-curvas-photoshopeiros, que viróu nunha foto-experiencia aleatoria, esbardallante, psicodélica e imprevisible.

Va´ites! Pura fotografía decorativa, pinchacarneiro PSD, foto-brincadeira para gorentar o ollo sen mais reviravolta.

(Paisaxes de Cervantes, La Teyerona, Luzern, Río Lobos, Moscova, Oussio Luckacs, París, Ponzos, Doñana, Sandaig e Bastiagueiro).

 

 

L.I.C.S.A. e Museo Carlos Maside

Cando comecéi a traballar nas Cerámicas do Castro, o meu estudio ficaba empoleirado no cuarto andar, “Comunicación”, do edifício do LICSA (Laboratorio de Industria e Comunicación S.A.). Día tras día subía as escadas espirais e, dende o alto, albiscaba a planta de producción e mais o resto das instalacións.

A singular arquitectura sempre chamóu a miña atención, polo que teño feito moitas tomas, tanto dos espazos coma da paisaxe da contorna.

Vai unha pequena escolma (a mais salvable) daquelas vellas diapositivas dixitalizadas, que amosan a escada e algúns detalles do tellado do Museo Carlos Maside, construído acarón uns anos máis tarde.

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies