O nome de Roncudo vén do ruído rouco que fai o mar cando rompe nestes cantís. A sinxeleza do faro, construído en 1920 e cunha altura de 11 metros, e a contorna, rodeado de pedras de granito e unha paisaxe agreste, fano aínda máis misterioso. As vistas panorámicas da Ría de Corme e Laxe completan o conxunto.
Esa forza do mar e as características das augas fan destas rocas o lugar ideal para o famoso percebe do Roncudo, considerado o máis saboroso de Galicia e que é extraído polos arriscados percebeiros que loitan nesas condicións extremas, das que algunhas veces saen mal parados, como indican as dúas cruces que ven a lado do Faro.
É aquí en Roncudo o lugar onde acabaron os seus días moitos outros barcos que navegaban por estas augas e que non foron capaces de sobrevivir á Costa da Morte. E moitos deses naufraxios deron nomes ás pedras que rodean o faro.
Debaixo das cruces está o Petón do Millo… por que? Porque un barco cargado de millo naufragou alí e deu para comer a toda a poboación durante meses.
Son as historias de vida nesta Costa da Morte…