No transcurso dunha viaxe en moto polas rías galegas, que fixen aló polo remoto 1979, coñecín a Manfred Gnäedinger, Man, o alemán de Camelle.
Tiven a boa sorte de ingresar na reducida confraría dos “visitantes” cos que partillaba o seu lar, o pequecho e curioso cabanucho a pé do mar da Costa da Morte.
Abraioume de tal xeito aquel espazo onírico, as irtas esculturas desafiando a bravura daquel mar, que axiña argallei a posibilidade de realizar un diaporama sobre o singular Museo. Cursaba eu daquela Belas Artes en Madrid así que, a maiores, pensei en apresentar tal diaporama como parte do meu traballo de licenciatura.
Volvín moitas veces máis a visitalo, a seguir documentando a súa obra e cultivando a nosa amizade. As imaxes que seguen, forman parte daquel primixénio diaporama que realicéi no Seminario de Estudios Cerámicos de Sargadelos, entre setembro e abril do 1980-81, grazas á equipa que amavelmente me cedera Xosé Díaz Arias.