FESTIVAL DE PARDIÑAS: Feria e Festa da Música e da Arte

Historia do Festival de Pardiñas

Finlandia, Italia, Rusia, Cuba, Portugal, Irlanda… Poderiamos estar falando da volta ó mundo, pero non. Facemos referencia ás distintas nacionalidades dos grupos que levan pasado polo Festival de Pardiñas ó longo da súa historia.

Foi alá polo 3 de agosto do 1980 cando a Asociación Cultural Xermolos inaugurou un dos seus proxectos máis cobizosos: o Festival de Pardiñas. Nesta primeira edición déronse cita SaraibasMaría ManuelaXoán RubiaXosé Ramón Eiriz e os grupos de Gaitas e Danzas Agarimo de Ferrol.

A esta primeira experiencia seguíronlle novas convocatorias, nas que, ano a ano, se tentou incorporar novidades para mellora-la calidade do Festival de música tradicional con máis edicións ininterrumpidas no seu haber. Polo escenario de Pardiñas pasaron grupos e gaiteiros galegos de recoñecido prestixo, coma Na LúaMilladoiro ou Xosé Manuel Budiño.

Tamén figuras doutros pobos, coma Kepa Junquera ou os madrileños La Bruja Gata. E por suposto, grandes artistas internacionais, coma WolfstoneKalinkaSolas ou Värttina. Pero sobre todo ducias de asociacións culturais que, coma Xermolos, loitan porque non se perda a tradición galega. Sirvan como exemplo AgarimoAiriños de FeneDonas e GalánsReviravolta… O propio Grupo de Gaitas de Xermolos leva varios anos abrindo o Festival, para darlle a benvida a tódolos que un ano si e outro tamén se pasan pola terra de Pardiñas o primeiro fin de semana de agosto.

A afluencia da xente e a imposibilidade de concentralo todo nun só día fixo que se alongase outro día máis con actividades como a mostra de instrumentos de música tradicional, en colaboración coa Asociación de Gaiteiros Galegos.

Aínda que falar de Pardiñas nos leve a pensar inevitablemente na música, non é o único que se pode atopar. Conxuntamente coa primeira edición do Festival outorgáronse os primeiros Premios Guitiriz de Pintura, Escultura, Fotografía e Cerámica, e tamén se coñeceron os primeiros galardoados no Certame Terra Chá de Literatura e Debuxo Infantil. Coas obras presentadas a ámbolos dous certames organízase unha pequena exposición na vella Escola de Pardiñas durante os días do Festival.

“Pasou o día e pasou a romería”, este dito popular non cómpre para o Festival de Pardiñas que deixa marcados os corazóns e os corpos dos que cada ano se mergullan neste universo da natureza, a mùsica, as artes, a amizade… A súa chegada é o clìmax dun proceso de proxectos, preludios, soños, desexos, de moitas persoas… E aínda co Festival aconteza mollado coma oubo algunha edición, a satisfación acadada é plena, porque Pardiñas endexamais decepciona. Créase unha comunicación intensa entre os que participan no Festival. Ninguén se sinte á marxe; neste evento musical todas e todos son actores, creadores, protagonistas da súa ollada estética. A voráxine artistica orienta dende a chegada a voluntade dos festeiros para compartir o mellor que somos e temos.

Por iso, Pardiñas refuga as concentracións masivas que impiden o trato espontaneo e libre entre os que deixaron por un tempo a rutina cotiá e viaxaron a esta fervenza de vida e arte. Pardiñas acadou o corpo a corpo do espírito creativo dos afecionados ás artes, á natureza, á artesanía, nunha lenguaxe directa que prende desa quimica que está a imbricar ás persoas nun ambiente de correspondencia mutua.

Cada festival ten a súa identidade, os seus apelidos ou alcume, este é a “Feira e Festa da Música e da Arte” que se multiplica como a vida en moitos tempos e espazos, aí están as XXV mostras, non só da música, tamén da artesanía, das exposicións na “Casa das Artes”: Pintura, Escultura, Fotografía Cerámica, o debuxo infantil, a poesía, a narrativa, a feira dos libros, o pregón a cargo dunha escritora ou escritor…, e o plato máis mimado: a Mostra de Artesanos de Instrumentos de Música Tradicional que convoca a Asociación de Gaiteiros Galegos. Pardiñas foi pioneira en Galiza nestes eidos, por exemplo, na artesanía.

Xermolos sabe da complicidade de miles de festeiros e festeiras en moitas vilas e aldeas que están dispostos a axudar e sobre todo a contaxiar esta ledicia. Centos de correos electrónicos e chamadas telefónicas de Galiza e de fóra van quentando un ambiente e sobre todo empurrando ós organizadores a traballar arreo para que cada edición entre polos sentidos ós convidados a facer festa, antes creando expectativas e urxindo unha boa programación, despois compartindo e celebrando a comuñón acadada. Cada ano sorprendenos o entusiasmo de festivaleiros que chegan de moi lonxe, no 2004 esas ducias de veciños de Mallorca acompañando a un grupo ou dúas mozas de Australia e Nova Zelanda que viaxaron dende Londres contaxiadas por unhas compañeiras daquí.

Neste contexto os 30 anos de Pardiñas foron un momento álxido, pleno, rebordante de experiencias. Cunha claridade meridiana poidemos disfrutar desta labarada de luz a través de varias achegas ou artigos que grupos e individuos fixeron chegar á Revista Xermolos, nunha entrega extraordinaria conmemorativa deste número significativo e máxico de festivais que foi dada a coñecer nesta data. Hai unha constante nestas análises literarias do festival, todas e todos cadran en que é un encontro totalmente humanizado gracias á boa convivencia que emerxe cada Festival no que non hai extraños e só amigos e compañeiros de viaxe.

Este pulo arrequentado cada edición é o que fai xermolar tanta actividade e iniciativa nos organizadores deste acontecemento cultural que xa no festival actual están a soñar cunha nova singradura, fronte a outras programacións amañadas e teledirixidas por uns poderes lonxanos á creatividade que non cesa ó longo dos meses. Xermolos ten que arriscarse cada festival economica, pero sobre todo imaxinativamente para manter este nivel de frescura e convocatoria…

O desenvolvemento en espiral do espirito creativo das vangardas culturais dos pobos e comarcas permite esta enerxía que estoupa cada Festival de Pardiñas. As mozas e mozos que levan adiante este fito traballan á intemperie sen os paraugas de subvencións e privilexios politicos ou económicos que crean imaxes de prepotencia, moito máis publicitarias que transformadoras da realidade. Xermolos curtido polas inclemencias de cada día non teme ás treboadas nin as turbulencias caprichosas dos que mangonean os recursos económicos do país, os impostos que pagamos todas e todos.

O que mantén vivo este acontecemento é a sensación dun festival que se converte nunha illa de liberdade nun mar rizado de conflictos, intolerancia, presións politicas e sociais. Cunhas lindes só marcadas pola contemplación dunha zanfoña, as formas das esculturas, as cores que reflicte a pintura, o arrecendo da gastronomía, o labor dos artesanos por arrancar tesouros da pedra, do barro, dos mimbres…, sempre ó ritmo da mellor música, todo convida á disfrutar a tope da beleza que se respira no ambiente do balneario.

Pardiñas só se ve acosados polos que teñen medo á liberdade e por aqueles que envexan o seu crecemento e profundidade coma esa sìntese emocional que condensa e templa os sentimentos máis transparentes que nacen das persoas.

Alfonso Blanco Torrado

 

 

 

 

 

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies